ESTATUTOS ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS
Asociación
Fotográfica NFOCA8 BETANZOS .
Betanzos,
a 24 de marzo de 2018.
ÍNDICE.
-
CAPÍTULO I. DAS DISPOSICIÓNS XERAIS.
-
CAPÍTULO II. DOS ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN.
-
CAPÍTULO III. DOS MEMBROS.
-
CAPÍTULO IV. DO RÉXIME DOCUMENTAL.
-
CAPÍTULO V. RÉXIME ECONÓMICO.
-
CAPÍTULO VI. RÉXIME DISCIPLINARIO.
-
CAPÍTULO VII. DAS RESPONSABILIDADES.
-
CAPÍTULO VIII. DA DISOLUCIÓN.
-
ANEXOS.
CAPÍTULO
I
DAS
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º: Lugar e data de aprobación.
En Betanzos, a 24 de marzo de 2018, reunidos os socios fundadores da Asociación “NFOCA8 AGRUPACIÒN FOTOGRFICA BETANZOS”, foron aprobados os presentes Estatutos, Normas e Regulamentos mediante Acta Fundacional, acordándose así mesmo a inscrición nos rexistros de Asociacións que resultasen oportunos, en cumprimento das obrigas esixidas pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo de 2002, reguladora do Dereito de Asociación.
Artigo 2º: Denominación.
Baixo a denominación ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS acordouse a inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, declarándose como unha Asociación privada, con personalidade xurídica, con capacidade legal de obrar, sen ánimo de lucro, integrada por persoas físicas ou xurídicas, non vinculada a ningunha ideoloxía política, nin relixiosa, nin xenófoba, nin racista, nin nazi, nin paramilitar ou doutra índole que fose contraria á lexislación vixente, sendo constituída por tempo indefinido.
Artigo 3º: Finalidades e actividades.
A Asociación ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS ten como finalidade a de fomentar, promocionar, divulgar, organizar e desenvolver actividades tanto culturais como lúdicas relacionadas coa fotografía, imaxe e vídeo en todas as súas variantes, así como a formación e participación dos seus socios e todas as persoas que así o desexen nas actividades culturais, lúdicas e de formación que a asociación realice ou nas que participe, difundindo a cultura da fotografía e prestando servizos culturais, formativos, didácticos e pedagóxicos tamén no ámbito da mocidade e do voluntariado.
Para levar a cabo os fins da asociacion, desenvolveranse xornadas, campañas informativas, formativas, divulgativas e de sensibilizacion, congresos, cursos sobre todolos temas relacionados cos fins enumerados anteriormente
Dado o amplo abano de actividades que pode abarcar este punto, para o futuro prevese e autorízase a creación de Seccións para cada unha das modalidades que se promovan.
Artigo 4º: Domicilio social, nome de dominio e enderezo electrónico.
O domicilio social provisional de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS, establécese en:Saavedra Meneses, 95 3º Esq. – 15300 Betanzos ( A Coruña )
O enderezo electrónico de contacto: NFOCA8BETANZOS @gmail.com
Requirirase a maioría cualificada da Asemblea Xeral para posteriores modificacións de devandito domicilio social, nome de dominio web ou enderezo electrónico.
Artigo 5º: Ámbito territorial.
ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS terá o seu ámbito territorial dentro de a Comunidade Autónoma de Galicia. Isto non suporá unha limitación para realizar actividades ou admitir socios fora dela.Artigo 6º: Réxime Xurídico.
ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS e os seus membros rexeranse polos presentes estatutos, pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo de 2002, reguladora do Dereito de Asociación e pola lexislación en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, de acordo cos principios democráticos contidos no marco da Constitución Española e do resto do ordenamento xurídico.
CAPÍTULO
II
DOS
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN
Artigo 7º: Órganos de representación.
Os órganos de representación de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS son:- A Asemblea Xeral, que constitúe o órgano de goberno.
- A Xunta Directiva, que constitúe o órgano de representación.
Artigo 8º: Funcións da Asemblea Xeral.
A Asemblea Xeral de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS estará formada por todos os membros con dereito a voto, sempre e cando estes estean ao día do pago das cotas correspondentes. Ten como funcións:- Aprobar os proxectos de actividades e as contas do exercicio anterior.
- Fixar o orzamento do seguinte exercicio.
- Acordar a contía das cotas de ingreso, ordinarias ou extraordinarias que se deban satisfacer en cada caso.
- Aceptar subvencións, herdanzas, legados e doazóns.
- Autorizar os alleamentos de calquera bens que teñan sido adquiridos para utilización dos membros.
- Aprobar a adquisición ou arrendamento de inmobles ou solares.
- Autorizar actuacións xudiciais.
- Modificar as condicións e formas de admisión de novos membros.
- Suspender a admisión temporal de novos membros cando as circunstancias así o aconsellen en aras do bo funcionamento da asociación.
- Elixir cada dous anos un Presidente de entre todos os membros da Asemblea Xeral.
- Crear outros cargos non obrigatorios da Xunta Directiva que se estimen necesarios.
- Modificar os Estatutos ou o Regulamento de Réxime Interno.
- Cambiar o domicilio social.
- Resolver os recursos e expedientes disciplinarios, de acordo coa legalidade vixente e as normas.
- Establecer as liñas xerais de actuación.
- Crear ou integrarse nunha Federación ou Asociación de Asociacións.
- Acordar a disolución e liquidación.
- Deberán sancionar de forma definitiva as infraccións que lle teñan sido postas en coñecemento pola Xunta.
- Calquera outra que lle sexa encomendada pola Xunta Directiva.
Os acordos da Asemblea Xeral serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razóns materiais, da posibilidade de impugnación ante os órganos competentes.
Artigo 9º: Membros da Xunta Directiva.
A Xunta Directiva de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS estará formada, polos seguintes cargos:- Presidente.
- Vicepresidente.
- Secretario.
- Tesoureiro.
- Os Vocais que sexa necesario designar. Un na actualidade e un máximo de 5.
- Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
- Renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
- Finalización do prazo para o que foron elixidos.
- Acordo de cese de toda a Xunta Directiva adoptado pola maioría cualificada dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 10º: Características e funcións da Xunta Directiva.
- Todos os cargos serán gratuítos, non retribuídos.
- Estes cargos terán unha duración de dous anos e deberán recaer en membros con dereito a voto.
- Poderán ser reelixidos cantas veces reciban a confianza da Asemblea Xeral.
- Por acordo da Xunta Directiva poderanse crear os vocais ou outros cargos que sexan necesarios, coas funcións que se establezan, aprobados pola Asemblea Xeral.
- Todos os membros da Xunta Directiva teñen voz e voto na mesma.
- Os membros non presentes poderán previamente comunicar ao Presidente a delegación do seu voto a favor de calquera asistente. Se iniciada a sesión acudiran á mesma, a delegación quedará revogada desde ese momento.
- As reunións da Xunta Directiva serán ordinarias ou extraordinarias.
- Haberá cantas reunións extraordinarias sexan oportunas e polo menos unha reunión ordinaria ao ano, dentro do último trimestre para proxectar as actividades e orzamento do ano seguinte.
- As reunións da Xunta Directiva Ordinarias ou Extraordinarias celebraranse previa convocatoria do Secretario por orde do Presidente con sete días de antelación como mínimo, acompañando a correspondente orde do día, lugar, data e hora de celebración en primeira e segunda convocatoria.
- Deberán sancionar de forma cautelar as infraccións que lle teñan sido postas en coñecemento.
- Aprobar a inclusión de novos membros.
- Crear comisións de traballo.
Artigo 11º: Convocatorias e acordos de Asemblea Xeral ou Xunta Directiva.
- As reunións da Xunta Directiva ou da Asemblea Xeral, celebraranse previa convocatoria do Secretario por orde do Presidente con sete días de antelación como mínimo, acompañando a correspondente orde do día, lugar, data e hora de celebración en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Se ben a Xunta Directiva considerarase tamén validamente constituída en reunión cando estean presentes todos os seus membros, de acordo entre eles e aínda que non teña mediado convocatoria previa.
- Entre a primeira e a segunda convocatoria non poderá transcorrer menos de media hora.
- Serán publicadas polo menos no taboleiro de anuncios e poderanse realizar tamén por correo convencional ou por medios informáticos.
- A Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva tamén poderán ser convocadas en sesión Extraordinaria a petición da maioría simple dos seus membros sempre que se realice por escrito coas firmas dos solicitantes.
- Todos os acordos da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva incluídos os de disolución da Asociación, modificación de Estatutos, disposición ou alleamento de bens e remuneración dos membros do órgano de representación, serán por maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultara cando os votos afirmativos superen a metade, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.
- En caso de empate, o voto do Presidente, será de calidade.
- A Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva, considerarase validamente constituída cando estean presentes todos os seus membros en primeira convocatoria, ou o Presidente ou quen lle substitúa e calquera número de membros en segunda convocatoria. En calquera caso deberá asistir o Secretario ou quen validamente lle substitúa para levantar a correspondente acta.
- Aínda cando non exista convocatoria previa, se están presentes e de acordo todos os seus membros.
CAPÍTULO III
DOS
MEMBROS
Artigo 12º: O Presidente.
- O Presidente representará a ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS ante as administracións e organizacións federativas, deportivas e culturais, e ante calquera outra persoa física ou xurídica, pública ou privada, ou delegará no Vicepresidente.- Será elixido de entre e polos membros da Asemblea Xeral que dentro dos trinta días anteriores á finalización do seu mandato tiveran presentado a súa candidatura á mesma.
- Será proclamado Presidente aquel candidato que teña obtido na votación a maioría dos votos validamente emitidos e este á súa vez, nomeará ao resto de membros da Xunta.
- En caso de non presentarse ningún candidato, o Presidente cesante verá prorrogado automaticamente o seu cargo por outro período de dous anos.
- En caso de forza maior, será o Vicepresidente quen substitúa ao presidente saínte e nomee un novo vicepresidente substituto. Ademais da representación, o Presidente terá como funcións:
- Dirixir a administración.
- Dirimir os empates con seu voto de calidade.
- Convocar, presidir, moderar e levantar todas as reunións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral podendo expulsar aos asistentes que perturben a orde da sesión.
- Elaborar e aprobar instrucións para o funcionamento interno, salvo que estas afecten á estrutura estatutaria, nese caso será necesaria a aprobación por parte da Asemblea Xeral.
- Propoñer o plan de actuacións da Asociación á Xunta Directiva e dirixir as súas tarefas.
- Dispoñer sobre os ingresos e gastos da Asociación, dando conta, cando se precise, á Xunta Directiva.
- Firmar os documentos, contratos, acordos, convenios ou autorizacións que sexan necesarios para a boa administración e funcionamento.
- Exercer as accións e interpoñer os recursos ou reclamacións que sexan precisos, incluso os xudiciais, coa autorización expresa da Xunta Directiva.
- Propoñer as modificacións estatutarias ou organizativas da Asociación.
- Presentar á Xunta Directiva para a súa aprobación as Contas anuais, o orzamento anual e os proxectos de actividades.
En caso de ausencia do Presidente, será o Vicepresidente o encargado de exercer estas funcións e as que nel delegue o Presidente.
Artigo 13º: O Secretario.
-Custodiará os libros, documentos e selos.- Redactará as convocatorias e as actas das reunións, e firmaraas co Visto e Prace do Presidente.
- Rexistrará as altas e baixas no libro de socios.
- Despachará a correspondencia, dando conta ao Presidente cando sexa necesario, así como dos escritos que se presenten.
- Expedirá Certificacións en relación aos libros.
- Exercerá as funcións de fedatario.
- Convocará as sesións dos órganos colexiados.
- Calquera outra propia do cargo que lle sexa encomendada.
Artigo 14º: O Tesoureiro.
- Abrirá contas correntes ou de aforro conxuntamente co Presidente.- Custodiará os fondos da Asociación, libretas de aforro, cheques e levará os libros de contabilidade.
- Efectuará os pagos correntes ordenados polo Presidente e os extraordinarios aprobados pola Asemblea Xeral.
- Cobrará cantidades e firmará os recibos correspondentes, agás nos casos nos que se requira autorización especial.
- Informará á Xunta Directiva da situación económica da Asociación.
- Formará e firmará os orzamentos anuais que han de propoñer á Xunta Directiva para que esta á súa vez o propoña á Asamblea.
- Redactará o Borrador das Contas
Artigo 15º: Os vocais.
Corresponde a cada vocal atender e cooperar en todas aquelas tarefas ou actividades que lle sexan encomendadas pola Xunta Directiva, previa aprobación e delimitación das súas funcións pola Asemblea Xeral, e incorporadas ao presente Estatuto.Artigo 16º: Os membros.
Poden formar parte de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS todas as persoas físicas e xurídicas que, de xeito libre e voluntario, teñan interese nas súas finalidades. A condición de membro ten que ser congruente coa denominación e as finalidades da asociación.Con respecto ás persoas físicas:
- É necesario estar capacitado legalmente.
- Se son menores en idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos e non están emancipados, necesitan o consentimento por escrito de pais, nais ou titores legais para ser membros, e terán os mesmos deberes e dereitos que os demais membros, excepto que non poderán formar parte da Xunta Directiva segundo o disposto no artigo 11.4 da L.O. 1/2002 de 22 de marzo de 2002
- Os menores de 14 anos non poden ser membros.
En relación ás persoas xurídicas privadas e públicas:
- A solicitude de ingreso debe ser acordada polo órgano competente.
- As normas polas que se regula a persoa xurídica en cuestión non han de excluír a posibilidade de formar parte dunha asociación.
Os membros clasificaranse nas seguintes categorías:
- Membros fundadores: Os que aprobaron a Acta de Constitución de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS . Os membros fundadores han de ser á súa vez membros operativos para poder exercer os seus dereitos dentro da asociación.
- Membros operativos: Os que téndose inscrito con posterioridade á Acta de Constitución, foran aceptados pola Asemblea Xeral.
- Membros honoríficos: Os que polo seu prestixio ou por haber contribuído de modo relevante aos fins da Asociación se fagan acredores de tal distinción. Non teñen voz nin voto.
A incorporación e cese destes membros producirase por petición da Xunta Directiva e aprobación da Asemblea Xeral
Artigo 17º: Requisitos.
Poden ser membros de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS as persoas físicas ou xurídicas que, tendo capacidade de obrar, demostren o seu interese polos fins da Asociación e o soliciten por escrito no que conste a manifestación da vontade de asociarse, unida ao acatamento destes Estatutos e das disposicións polas que se rexa en cada momento. A condición de socio é intransmisible. A Xunta Directiva resolverá a solicitude no prazo máximo de 30 días.- Satisfacer a cota de ingreso, as periódicas que teña fixado a Asemblea Xeral e a cota federativa. A admisión como membro na asociación anotarase no Libro de Rexistro de Membros e será comunicada á persoa interesada.
Artigo 18º: Causas de baixa.
Perderase a condición de membro de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS :- Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.
- Por incumprimento de pago das cotas periódicas.
- Por acordo aceptado pola maioría cualificada dos membros da Asemblea Xeral.
- Por acordo aceptado pola maioría simple dos membros da Xunta Directiva, previa incoación de expediente disciplinario con audiencia do interesado.
Artigo 19º: Dereitos.
Os membros de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS , terán os seguintes dereitos:- Ser informados das actividades, da xestión, administración e contabilidade da mesma.
- Participar na consecución dos fins, asistindo, propoñendo ou colaborando nas actividades ou partidas organizadas.
- Expresar libremente as súas opinións á Xunta Directiva.
- Facer uso dos servicios e bens comúns.
- Ser informado con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias, e defenderse delas.
- Impugnar os acordos que se estimen contrarios á lei ou aos Estatutos.
- Á confidencialidade dos datos persoais aportados, en virtude da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD).
Os membros fundadores e operativos, ademais dos anteriores, terán dereito a:
- Asistir ás Asembleas Xerais, expresar nela libremente as súas opinións e votar as propostas que lle sexan presentadas.
- Presentarse como candidato a Presidente cando se convoquen eleccións.
- Ser elixido para cargos na Xunta Directiva.
Exercerán estes dereitos cando non foran privados deles por falta grave mediante a incoación de expediente disciplinario e aprobado pola Asemblea Xeral.
Artigo 20º: Obrigas.
- Colaborar co mantemento dos gastos mediante as cotas que se establezan.
- Colaborar na xestión e administración do xeito máis eficaz posible se fosen designados para iso.
- Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e a Xunta Directiva.
CAPÍTULO
IV
DO
RÉXIMEN DOCUMENTAL
Artigo
21º: Documentación.
O
réxime documental de ASOCIACIÓN
FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS
farase preferiblemente por duplicado de forma tradicional, por
procedementos informáticos ou ambos e tendo en conta o responsable a
Lei
Orgánica de Protección de Datos (LOPD).
A
documentación estará composta por:
-
Un Libro de Rexistro de membros, no que ademais dos seus datos
persoais constará a data de alta/baixa, as incidencias ou sancións
disciplinarias que se poidan producir na súa condición de socio,
así como a data de toma de posesión e cese do cargo para o que, no
seu caso, fose designado.
-Un
Libro de Actas nas que o Secretario recollerá cronoloxicamente as
actuacións das Xuntas e Asembleas, con expresión da data, asuntos
tratados e acordos adoptados. As actas serán firmadas por todos os
membros presentes da Xunta Directiva.
-Un
Libro de Contas, no que figurará o resumo do orzamento anual e a
relación dos seus ingresos e gastos, debendo precisarse a
procedencia de aqueles e a súa inversión ou destino. As contas
serán firmadas polo Tesoureiro.
CAPÍTULO
V
RÉXIME
ECONÓMICO
Artigo 22º: Os recursos.
Os recursos económicos de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades serán os seguintes:- As cotas periódicas dos membros, establecidas pola Asemblea Xeral.
- As herdanzas, legados, doazóns, axudas ou subvencións que reciba.
- Os ingresos económicos que poidan producir os actos que se organicen.
- Calquera outro recurso lícito.
- Rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin da asociación o ánimo de lucro e a totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ao cumprimento dos fins sociais.
Artigo 23º: Patrimonio.
ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS fúndase sen patrimonio inicial.Dado o carácter non lucrativo desta Asociación, en ningún caso poderán repartirse beneficios nin saldos positivos.
Artigo 24º: Orzamento
O orzamento anual de gastos non deberá superar os ingresos previstos para cada exercicio anual, ao que se engadirá no seu caso, o saldo do exercicio anterior.O exercicio económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano, coincidindo co ano natural.
O estado de contas será aprobado dentro do primeiro trimestre do ano.
CAPÍTULO
VI
RÉXIME
DISCIPLINARIO
Artigo 25º: Tipos de Infraccións.
As infraccións estarán reflectidas no réxime disciplinario interno e clasificaranse en tres tipos:
- Leves:
En particular, constitúe infracción leve a incorrección ou falta de atención con membros da asociación, ou con persoas alleas á mesma durante a celebración dunha actividade organizada pola asociación, o retraso no pago das cotas ou débitos polo período dun mes sen xustificación e sen previo aviso ao tesoureiro da asociación.
- Graves:
En particular, constitúe infracción grave a comisión de tres ou máis faltas leves no prazo de dous meses, o retraso no pago das cotas ou débitos se é de 2 meses e non está xustificada nin se deu aviso previo ao tesoureiro da asociación.
A falta de respecto cara a outros membros ou participantes. O abuso ou mal uso dos servicios e bens comúns.
- Moi graves:
En particular, constitúe infracción moi grave a reiteración de faltas graves o retraso no pago das cotas ou débitos se este supera os dous meses, sen xustificación e sen aviso previo ao tesoureiro da asociación.
A pertenza a outros clubs, grupos ou asociacións similares que sexan utilizados para traspasarlles os recursos e informacións de carácter reservado de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS
Artigo 26º: Procedemento.
FALTAS LEVES:- Amoestación por escrito, e non implicarán a apertura de expediente pero se se ten coñecemento da reiteración no prazo de 3 meses, incoarase expediente informativo, advertindo ao infractor das consecuencias en caso de reincidencia.
FALTAS GRAVES:
- Prohibición de participación en eventos da asociación, por un prazo de 30 días a 2 meses, así como perda do dereito de voto nas Asembleas Xerais e a aspirar a cargos da Xunta Directiva.
- Perda da condición de membro da Asociación por un prazo de 1 a 2 meses.
- Prohibición de participación en eventos de esta Asociación, por un prazo de 2 a 6 meses.
- Perda da condición de membro da Asociación por un prazo de 2 a 12 meses.
- Expulsión a perpetuidade do membro.
As infraccións, serán sancionadas de xeito cautelar pola Xunta Directiva, pola maioría cualificada, ata que poida ser sometida á Asemblea Xeral, nese caso, para que esta sexa definitiva, deberá ser aprobada pola maioría cualificada non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións. Nas deliberacións, o expedientado poderá estar presente con dereito a defenderse dos cargos, se non o fixera, o procedemento continuaría o seu curso, quedando reflectido no expediente.
Contra as sancións impostas pola Xunta Directiva ou Asemblea Xeral caberá recurso ante o órgano competente nomeado segundo a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo de 2002, reguladora do Dereito de Asociación, ou pola vía xudicial, segundo proceda.
CAPÍTULO
VII
DAS
RESPONSABILIDADES
Artigo 27º:
Os membros da Xunta Directiva de ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS responderán ante a mesma Xunta, fronte á Asemblea Xeral, ou fronte terceiros, dos seus actos e xestións nas que interveñan.Artigo 28º:
ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS responderá das débedas e obrigas contraídas polos membros da Xunta Directiva, cando estas foran aprobadas pola Asemblea Xeral e reflectidas na acta correspondente.De todas as restantes, responderá de forma individual a persoa que as tivera contraído a título persoal.
CAPÍTULO
VIII
DA
DISOLUCIÓN
Artigo 29º.-
ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA NFOCA8 BETANZOS disolverase a proposta da Xunta Directiva, ratificado pola Asemblea Xeral.Formarase unha comisión liquidadora formada pola Xunta Directiva, os socios fundadores que permanezan de alta, o membro máis antigo e o máis recente.
O seu cometido será a de realizar con transparencia o peche.
O patrimonio existente que resulte da liquidación, unha vez extinguida a débeda, será destinado a outras entidades de similares características non lucrativas e que estean inscritas no rexistro desta mesma comunidade autónoma de Galicia.
O resultado da liquidación e o xustificante da doazón, comunicarase ao “Rexistro de Asociacións” aos efectos oportunos mediante os procedementos apropiados, procedendo á inscrición da disolución da Asociación.
Artículo 30º.-Sección Xuvenil
ASOCIACIÓN FOTOGRAFICA NFOCA8 BETANZOS mediante acordo da Asemblea Xeral constitúese unha sección xuvenil, á que se incorporarán asociados e asociadas que cumpran os requisitos establecidos na Lei orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor e do Real decreto 397/1988, de 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.Para formar parte da sección xuvenil é necesario ter 14 anos cumpridos e 30 sen cumprir.
Esta Sección Xuvenil terá autonomía funcional e organización propia para os asuntos especificamente xuvenís
O
Secretario V. e pr. O Presidente
V.
e pr. O Vicepresidente V. e pr. O Tesoureiro
V.
e pr. O 1º Vocal
0 Comentarios